martes, 7 de octubre de 2008

Carballo. Capital de Bergantiños

Carballo é a capital de Bergantiños e o centro natural desta comarca. Ao norte de Galicia, entre a Fisterra atlántica e o golfo Ártabro, goza dunha situación privilexiada. Así, sitúase entre dúas das cidades máis importantes da Comunidade: A Coruña e Compostela.As características do clima oceánico, cunha media anual de 12,3°C, concédenlle uns invernos suaves e uns cálidos veráns, que convidan a descubrir a súa paisaxe.
Cunha superficie de 187 km cadrados Carballo é un dos municipios de maior tamaño da provincia da Coruña, ademais dun dos máis poboados. Os seus 31.000 habitantes agrúpanse en 314 entidades de poboación e 18 parroquias. O 60% dos habitantes do Concello concéntranse no seu núcleo urbano, a carón do río Anllóns.
O termo municipal de Carballo sitúase entre os primeiros cumios das serras de Soneira e Montemaior. Limita ao sur con Val do Dubra, que separa ambas as dúas formacións montañosas.
Entre os accidentes xeográficos de Carballo cómpre salientar, ao sur, o monte da Peniqueira e do Castro -cuns 350 metros-, Monte Calvelo -con 389 metros- e Monte Alto -con 483 metros-. De sueste a oeste atravesa o municipio o val do Anllóns. Na canle dun dos seus afluíntes, o río Taboada, fórmase a fermosa fervenza de Entrecruces.Ao norte, xa próximos á costa, están os montes de Lendo, Oza e Monte Neme, de 386 metros. Especialmente salientable pola súa importancia ecolóxica e paisaxística é a franxa costeira de Razo - Baldaio. Intégrana unha serie de marismas, unha lagoa e longos areais litorais.

No hay comentarios: